Pemento do Couto
Verde escuro, pouco brillante e duns 4 a 8 centímetros de longo. O pemento do Couto desprende un aroma moderado. Ao probalo, a súa carne é fina e tenra, case sen sementes, e cun sabor doce lixeiramente herbáceo.
Da especie Capiscum Annuum L., a peculiaridade máis destacable destes froitos é que non pican debido á ausencia de capsicina. Precisamente por isto, son cada vez máis apreciados polos consumidores.
A denominación Pemento do Couto toma o seu nome do mosteiro de San Martiño de Xuvia, situado na parroquia do Couto, no concello de Narón.
Onde se cultiva?
Este exquisito pemento goza, desde 2010, do selo de Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P). Isto significa que o produto posúe unhas características concretas debidas á súa zona de cultivo. O Pemento do Couto prodúcese nos municipios de Narón, Ferrol, Neda, Valdoviño, Cedeira, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Fene, Ares e Mugardos, comprendidos todos na comarca de Ferrolterra.