Neda destaca pola súa gran beleza paisaxística, co río Belelle como máximo expoñente natural.

No curso medio do río atopamos un profundo val de frondosos bosques. Un deles, no lugar do Roxal, rodea a marabillosa fervenza cunha altura de 45 metros.

Sen dúbida, Neda é a capital do trigo de Galicia. Converteuse nela desde que en 1558 Felipe II establece as Casas Reais, fábricas de biscoito para abastecer a Armada. A tradición panadeira do municipio remóntase á Idade Media, época na que nacen os muíños na ribeira do río Belelle para aproveitar a gran calidade da súa auga, que se mantén aínda hoxe. Grazas a esta, obtense un pan de calidade, ao que se lle rende homenaxe cada setembro na Festa do Pan.

Son dous os monumentos imprescindibles da localidade. Por un lado, no núcleo urbano está a igrexa de Santa María. De estilo barroco e con elementos neoclásicos, no seu interior podemos observar o Cristo da Cadea, un cristo tudor do gótico inglés. Por outro, o pazo de Isabel II, fundado en 1841 como fábrica de tecidos. Neste conxunto destaca a fonte de ferro e o hórreo. Este pazo é de propiedade privada.

http://www.neda.es

Consello
Fai unha ruta de sendeirismo que inclúa unha parada na Fervenza do río Belelle.
Sabías que...?
Neda conta con algúns importantes restos arqueolóxicos, coma o Castro dos Ancos.