MUGARDOS

En Mugardos respírase e, sobre todo, saboréase, o seu ambiente mariñeiro. É suficiente con pasear polo Cantón da Mariña para degustar nun dos seus restaurantes o polbo á mugardesa, recoñecido internacionalmente. A el réndeselle homenaxe cada mes de xullo na Festa do Polbo, declarada de Interese Turístico de Galicia.
De carácter mariñeiro tamén é a súa pintoresca arquitectura. Moitas das casas conservan as galerías, tan típicas da costa coruñesa. O porto do lugar do Seixo chama a atención polas súas casas de ventás e balcóns de cores brillantes. Tamén alí encontramos mansións indianas de finais do século XIX, coma o Chalé de Esperante.
Mugardos permite gozar tamén da arquitectura militar e relixiosa. O mellor exemplo da primeira é o castelo da Palma, que data do século XVI. É, sen dúbida, o maior tesouro da vila, tanto polo seu edificio e a súa historia como pola súa contorna natural.
Son moitas as mostras relixiosas do municipio. A de maior valor artístico é a igrexa de Santiago de Franza. De estilo neogótico, no seu interior encóntrase o sepulcro renacentista de Pedro de Sillobre, nobre do século XVI.

