VALDOVIÑO
Valdoviño destaca pola gran beleza da súa costa. Nela atopámonos con praias abertas ao mar como O Baleo e Pantín ou o areal da Frouxeira. Tamén a lagoa do mesmo nome, espazo protexido e un dos ecosistemas máis atractivos da Península.
Valdoviño é sinónimo de surf. Aquí está a capital deste deporte: Pantín. Nesta praia celébrase o Pantín Classic, un dos campionatos máis importantes de España. Este evento atrae ao municipio cada verán a milleiros de amantes do surf.
Porén, o municipio non vive só da súa costa. No seu interior descubriremos moito máis. É o caso de numerosos castros e mámoas repartidos por todo o territorio. De todos estes asentamentos arqueolóxicos, destacan a Pena Moura e Porto Novo. Ambos son, ademais, lugares de paso da ruta de peregrinación a Santo Andrés de Teixido (Cedeira).
De todas as construcións relixiosas destaca a igrexa barroca de Santiago de Lago. De fermosos detalles ornamentais, tamén chama a atención pola imaxe do apóstolo Santiago vestido de peregrino na fachada.