Ruta da Construción Naval
Desde 2011, en Ferrol pódese realizar a Ruta da Construción Naval. Aventurarse neste percorrido permite entrar nun mundo descoñecido ata hai pouco.
As infraestruturas militares combinan séculos de historia, arquitectura de gran valor coas últimas tecnoloxías utilizadas na actualidade pola Armada. O conxunto de edificios constitúe un enorme museo no que descubrir a historia naval da frutífera ría de Ferrol.
Son oito os puntos a visitar. A ruta comeza no Baluarte, no porto de Curuxeiras, e a antiga Sala de Armas do Arsenal. Separados destes, o percorrido continúa polo Dique da Campá, o Museo Naval, Exponav e Navantia.
Máis lonxe, vixiando a entrada á ría ferrolá, está o castelo de San Felipe, o último punto da ruta. O seu colofón, realizar un paseo en lancha pola ría, desde onde todo o anterior adquire unha cor diferente.