NARÓN
De vida industrial, Narón agocha un grande interese arquitectónico e paisaxístico. Descubrir este municipio significa encontrar máis de 200 puntos de interese.
Boa mostra diso son a igrexa románica de San Martiño de Xuvia, o cemiterio prehistórico do Monte dos Nenos, así como os tres pazos existentes e exemplos de casas medievais.
Narón tamén presume do seu pasado celta, con 17 mámoas catalogadas na aldea de Sedes. É aquí onde se celebra cada verán o Oenach céltico, unha festa que recorda as tradicións ancestrais.
Da súa tradición industrial, aínda se conservan cinco muíños, coma o de Xuvia e As Aceas. Este muíño de mareas, construído no século XVIII, foi unha das principais fábricas de fariña no S.XIX.
Das mostras de arquitectura relixiosa, o mosteiro de San Martiño do Couto resalta sobre todas. O edificio actual é de comezos do XII, reconstruído no século XVIII. O mosteiro está declarado Monumento Artístico Nacional. Nel comeza o camiño vello a Santo Andrés de Teixido, unha das peregrinacións máis famosas de Galicia. Tamén é lugar de paso do Camiño Inglés a Santiago de Compostela.