Mosteiros
A arquitectura relixiosa é moi abundante en todo o territorio. De feito, verás unha igrexa por cada núcleo de poboación, por pequeno que sexa. Moitas delas conteñen elementos de gran valor artístico.
De todas estas mostras relixiosas destacan os mosteiros. O máis impresionante, sen desmerecer os demais, é o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, na Capela. Situado nun promontorio no corazón das Fragas do Eume, esta construción non deixa indiferente a ninguén. En 1975 foi declarado Monumento de Interese Histórico – Artístico pola súa importancia arquitectónica. Con diversas restauracións ao longo da súa historia, os restos máis antigos datan do século XII.
Preto do parque natural encontramos o mosteiro de Santa María de Monfero, no municipio do mesmo nome. É un dos mellores exemplos de vida monacal en Galicia. Do edificio destacamos a fachada barroca da igrexa, unha auténtica marabilla.
Máis preto da costa, en Ares, o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro data do século XVI. No seu interior observarás restos de capiteis, estatuas, lápidas… nun edificio de estilo románico. Por último, tamén enmarcado neste estilo, encontramos o mosteiro de San Martiño do Couto, en Narón. Declarado Monumento Artístico Nacional, acolle no seu interior un sepulcro gótico do cabaleiro Rodrigo Esquío do século XV e, no exterior, un sarcófago do XI.
Conventos
O convento do Rosario (século XVI) de San Sadurniño é interesante porque conserva o claustro con sete arcos de medio punto en cada lado. Pola súa parte, en Ortigueira, o convento dos Dominicos (século XIV) forma un importante conxunto arquitectónico xunto coa igrexa de Santa Marta. Hoxe, acolle a sede do Concello e nel celébranse distintas actividades culturais.