MOECHE

Este municipio do interior ten como emblema o castelo de Moeche. Ao redor desta construción medieval escríbese a historia destas terras.
A parte mellor conservada do castelo de Moeche é o patio de armas, aínda que tamén podemos observar a famosa torre da homenaxe, de 18 metros de altura, e un foxo escavado na propia rocha.
O castelo foi escenario, en 1431, da revolta dos irmandiños. Con ela, os vasalos conseguiron botar os señores (os Andrade) da fortaleza.
Como homenaxe aos insubordinados, desde 1980, celébrase o Festival Irmandiño o terceiro sábado de agosto. Durante todo o día organízanse comidas campestres e actuacións musicais. A medianoite recréase o asalto ao castelo. A vila, armada con fachos, toma a fortaleza recordando a súa vitoria na contenda.

