Percorrendo a costa de norte a sur, a natureza sorpréndenos a cada paso. Lugares que ademais, polo seu alto valor ecolóxico, son espazos protexidos por diferentes distintivos. Rede Natura 2000, ZEPA (Zona de Especial Protección das Aves), LIC (Lugar de Interese Comunitario) e, incluso Ramsar, de alcance internacional.

Ao norte, Estaca de Bares (Mañón). Este enclave de natureza salvaxe é lugar de paso de aves mariñas e terrestres procedentes do Atlántico, o Mediterráneo e o Ártico. Máis dun millón de aves cada ano! Este punto é o lugar ideal para observar aves coma o alcatraz común. O espazo protexido abarca tamén a costa de Loiba (Ortigueira), con praias solitarias de difícil acceso entre xigantes acantilados.

Outro espazo natural protexido é o formado pola ría de Ortigueira e o río Mera. É o hábitat de máis de cinco mil aves acuáticas, entre elas algunhas especies raras. Por todo isto, é un dos humedais máis importantes de Galicia.

O LIC Costa Ártabra esténdese desde Ares ata a ría de Ortigueira (aínda nos límites do municipio de Cariño). Integra numerosos elementos paisaxísticos como a serra da Capelada e os seus xigantes acantilados (os máis altos de Europa), a lagoa e areal da Frouxeira en Valdoviño ou a lagoa de Doniños (Ferrol).

A lagoa de Valdoviño alberga mil aves acuáticas durante o invierno e presenta un extenso areal con dunas primarias. Un ancho sistema dunar separa do mar a lagoa de Doniños que é, ademais, a máis profunda do litoral galego.

O litoral do destino Ferrolterra – Rías Altas non deixa indiferente a ninguén, tanto polo seu valor ecolóxico como a paisaxe que se debuxa ante nós.

Consello
De norte a sur, ou de sur a norte, emprende unha ruta que te leve a coñecer este valioso litoral.
Sabías que...?
Estaca de Bares xa fora declarado Sitio Natural de Interese Nacional en tempos da II República, en 1933.