Adhesión do sector turístico á marca Costa das Ondas
- A Mancomunidade inicia un procedemento de adhesión para formar parte da marca Costa das Ondas.
- Poderán adherirse escolas de surf, surfcamps, surf houses, tendas de surf con material técnico, e tamén bares, restaurante e aloxamentos que teñan a turistas de surf como clientes.
- As entidades deberán estar instaladas nalgún dos 21 concellos do xeodestino turístico Ferrolterra – Rías Altas.
- Nos vindeiros días activarase a web da marca.
A Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol abre un procedemento para que aquelas entidades do sector turístico relacionadas, directa ou indirectamente, co surf poidan adherirse ao proxecto Costa das Ondas e así formar parte das accións de promoción online e offline que se programen.
Costa das Ondas é a marca de promoción do xeodestino Ferrolterra – Rías Altas como destino de surf. Nos vindeiros días crearase a páxina web promocional na que ademais de escolas de surf, surfcamps, surf houses, tendas de surf ou calquera outra entidade do sector, engadiranse a aqueles servizos de restauración e aloxamento que conten entre os seus clientes habituais a turistas de surf.
Para formar parte da marca Costa das Ondas, debe cubrirse o seguinte formulario, aceptar e cumprir as condicións do documento de adhesión e remitir varias fotografías de alta calidade do establecemento.
As entidades deben estar instaladas nalgún dos 21 concellos que conforman o xeodestino Ferrolterra – Rías Altas. Estes son: Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.