A Capela é sinónimo de natureza. A parte central do Parque Natural Fragas do Eume encóntrase no sur do municipio. É, ademais, unha das zonas de maior protección e nela sitúase, solitario e impoñente, o mosterio de Caaveiro.

Ao norte, encontramos a serra de Forgoselo, paisaxe tamén protexida. Aquí descubrimos gran parte dos restos arqueolóxicos da Capela, con 30 mámoas catalogadas.

Por todo o territorio esténdense cinco rutas sinalizadas. Todas transcorren por unha contorna natural chea de contrastes e permitirán descubrir algúns dos lugares máis fermosos da comarca.

Desde 2006, a etnografía cobra especial importancia neste municipio. Nese ano créase o Museo Etnográfico da Capela, situado ao lado do Parque Natural. Neste centro de interpretación descubrirás a cultura galega, a relación do home e o medio que habita así como exemplos da arquitectura popular.

http://www.concellodacapela.es

Consello
Achégate ao mosterio de Caaveiro, estarás en pleno corazón das Fragas do Eume!
Sabías que...?
A Rapa das Bestas é un ritual que consiste en rapar as crinas dos cabalos salvaxes. A da Capela é unha das poucas que se mantén en Galicia. Este espectáculo de gran vistosidade celébrase cada mes de xullo no lugar de Forgoselo.