Bañado polas rías de Ferrol, ao norte, e de Ares, ao sur, Fene destaca polos seus famosos estaleiros e o seu alto valor arquitectónico. No municipio conxúgase a arquitectura relixiosa; a indiana, grazas ás construcións dos emigrantes retornados, e a máis moderna, coma os singulares edificios dos dous Concellos.

En Fene, ademais, trasladámonos ao pasado grazas aos seus numerosos vestixios arqueolóxicos. Proba disto son o petróglifo de Marraxón, o Campo de Mámoas do monte Marraxón e os castros de Orra en Sillobre, a mámoa do Campo da Arca en Barallobre e O Castro en Magalofes. Moitos asentamentos castrexos foron romanizados como o proban os restos dunha fábrica de salazón en Vilar de Colo (Limodre). Tamén se conserva unha ponte medieval sobre o río Belelle, cuxa contorna natural é un gran atractivo paisaxístico.

Fene tamén conta con dous museos singulares: o de ASTANO, dedicado aos estaleiros dos que viviu a localidade, e o Museo do Humor, único en Europa.

http://www.fenecidadan.net

Consello
Para os amantes da música indie, o Felipop celébrase cada agosto en Limodre.
Sabías que...?
O Monumento ao Camiñante Descoñecido levantouse en 1934 e conta cunha biblioteca ao aire libre.