Costa activa
A costa de Ferrolterra – Rías Altas ofrece un grande abano de posibilidades. Desde un paseo polas súas praias, descubrindo auténticos paraísos naturais, á práctica de distintos deportes náuticos, tanto en mar coma en río.
De todos os deportes, o rei é o surf. A costa conta con praias ideais para practicalo durante todo o ano. Grandes profesionais e afeccionados de todo o mundo encontran aquí o destino ideal. A atracción son as grandes ondas duns areais ben conservados. Exemplo disto son as praias de Bares (Mañón), Picón, San Antón (Ortigueira), Campelo, A Frouxeira e Pantín (Valdoviño), así como Doniños e San Xurxo (Ferrol).
As praias tranquilas das rías de Ares e Ferrol permiten a práctica do windsurf, kitesurf, vela ou piragüismo. Por exemplo, nos tranquilos areais de Cabanas, Ares e Pontedeume.
Para aqueles que gocen baixo a auga, en case todos os municipios se pode facer submarinismo. De norte a sur, atopamos ata 15 puntos de mergullo, tanto en ría coma en mar aberto.
Na costa, aínda que non é un deporte de mar, tamén se practica o golf. Para os que prefiran esta actividade máis relaxada, o campo de golf de Narón é o destino perfecto.