Camiño a Santo Andrés de Teixido
Un dos camiños de peregrinaxe da comarca é o de Santo Andrés de Teixido. Aínda que os romeiros chegan de toda Galicia, o camiño vello a Santo Andrés comeza no mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto), no municipio de Narón. Desde alí, e atravesando terras de Valdoviño, os peregrinos percorren un total de 42 quilómetros ata chegar á meta: o santuario de Santo Andrés de Teixido, en Cedeira.
A ese camiño orixinario, súmanselle dous máis: un desde Ferrol (desde o porto e desde a ermida de Santa Comba, ao norte) e outro desde Santo Hadrián de Veiga, no municipio de Ortigueira. Este trazado, de 24 quilómetros, cruza a espectacular serra da Capelada.
As lendas
Son moitas as lendas e os ritos asociados a este santo. Na fonte, os romeiros teñen que beber auga dos seus tres canos e pedir un desexo. Para saber se este foi concedido, chega con botar unha miga de pan na pía. Se flota, a petición cumplirase. Outra crenza é que a coñecida como “herba de namorar”, que medra na contorna, fai que xurda o amor entre dúas persoas.
O dito lémbranos que “a Santo Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”. Tanto para crentes coma para os que non o son, o percorrido paga a pena. Son moitos os lugares de interese, coma o mosteiro do Couto, o muíño das Aceas, o pazo de Libunca, o Monte dos Nenos, a ponte medieval de Porto do Cabo… e, por suposto, a igrexa de Santo Andrés e o seu retablo barroco.
Descubre as rutas a Teixido en Wikiloc.